12 de julio de 2011

Balance de anelamentos do ano 2010: Paseriformes

Continuando co balance de anelamentos do Grupo de Anelamento ANDURIÑA en 2010, iniciado na entrada anterior restábanos por contar as capturas de aves paseriformes. Os totais relátanse como segue:


Un total de 6.190 capturas, con 5.379 novos anelamentos e 811 recapturas (804 españolas e 7 estranxeiras), froito dun minucioso traballo de campo. A meirande parte destas aves capturáronse nos estudos a longo prazo que se desenvolven na actualidade, como o seguimento de poboacións de aves en entornos de campiña (estacións de esforzo constante de Darbo e Coiro –Cangas- e Santa María de Sacos –Cotobade-, así como noutras zonas, como O Salnés), ou no seguimento do paso postnupcial no esteiro do Miño -A Garda-).

Anduriña Hirundo rustica
Por vez primeira na nosa xa longa traxectoria, a especie con máis anelamentos foi a anduriña (Hirundo rustica), que dá nome ao noso grupo, con 1237 anelamentos, dos que 273 foron polos en niño, froito do seguimento da reprodución desta especie no Morrazo e das capturas en paso postnupcial polo Esteiro do Miño.

Picafollas musical
Phylloscopus trochillus
A segunda especie máis marcada foi o picafollas musical (Phylloscopus trochilus) con 764 capturas, que queda relegado do primeiro posto que ocupou no 2009, malia constituir o récord anual histórico de anelamentos para a especie. Cómpre sinalar que a práctica totalidade dos exemplares desta especie son capturados no paso posnupcial.

Macho de Papuxa das amoras
Femia de Papuxa das amoras
Sylvia atricapilla
A papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) con 382 ex. foi a terceira especie máis anelada con algo máis da metade dos exemplares do pasado ano. É a única migradora presahariana das 5 especies máis aneladas.

Folosa das canaveiras Acrocephalus scirpaceus
Da folosa das canaveiras (Acrocephalus scirpaceus) aneláronse 295 ex., case douscentos menos ca o pasado ano.

En 2010 non se capturou ningunha especie nova de paseriforme; todas elas contaban con algún rexistro no histórico do noso grupo.

Escribenta das canaveiras da subespecie nominal Emberiza schoeniclus schoeniclus
Escribenta das canaveiras da subespecie lusitanicus
Emberiza schoeniclus lusitanicus
As escribentas das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanicus) marcáronse dentro do estudo para o plan de recuperación da especie e as folosas acuáticas (Acrocephalus paludicola) no seguimento do paso postnupcial polo esteiro do Miño, o que pon de manifesto a importancia desta localidade para esta especie ameazada.

Papamoscas negro
Ficedula hypoleuca
Destacan as recapturas dunha folosa acuática (A. paludicola) marcada en Francia, unha folosa dos xuncos (A. Schoenobaenus) de Holanda, unha papuxa das amoras (S. atricapilla) de Francia, tres picafollas musicais (P. trochilus) británicos e un papamoscas negro (Ficedula hypoleuca) tamén británico.

Folosa acuática
Acrocephalus paludicola




Texto: Antonio Cordeiro
Fotos: Rubén Portas
Fotos A. paludicola: Pablo Sanmartín