12 de mayo de 2012

Unha especie en perigo cría na praia de Nerga, Cangas, Pontevedra




A situación da poboación da píllara das dunas en Galicia é bastante fráxil, cunha poboación reprodutora exigua estimada en 66-72 parellas (Libro rojo de las aves de España, 2004), o que provocou a súa inclusión como “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, Decreto 88/2007 do 19 de abril. A principal ameaza desta ave limícola é a forte presión que soporta o seu restrinxido hábitat de reprodución polos usos recreativos das praias na época primaveral e estival, as actuacións de mantemento das mesmas (en especial a limpeza dos areais con máquinas), así como a destrución da vexetación da duna (en especial a da primeira liña da praia).

A píllara aniña en pequenas depresións da area na zona alta da praia, entre a ladeira do primeiro cordón da duna e o nivel do mar en preamar, faixa onde se acumula a máxima presión por molestias causadas pola afluencia de visitantes ao areal (bañistas, paseantes, …), especialmente nos períodos de preamar. Son principalmente estas molestias, así como a entrada no areal de visitantes con cans a causa do fracaso reprodutor desta especie no areal de Nerga.

Dende o ano 2005 temos constatado a presenza de exemplares desta píllara no areal de Nerga, incluído na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Costa da Vela (Es1140010) na parroquia do Hío. As observacións producíronse no período reprodutor da especie (abril-xullo), obtendo rexistros de cría confirmada nos anos 2005 e 2008, ambos con resultado de abandono do niño, trala posta. Non dispoñemos de máis observacións en período estival a causa de que a nosa organización non desenvolve ningún seguimento pormenorizado desta especie.



O día 6 de abril deste ano, coincidindo cos días festivos de Semana Santa, membros do noso grupo atoparon, novamente, un niño desta ave tan escasa, con tres ovos, na praia de Nerga. Dende o seu descubrimento o venres 6 de abril ata o domingo 8 de abril, membros de ANDURIÑA estiveron realizando a custodia do niño (sempre a distancias maiores de 50 m), informando aos paseantes que se aproximaban demasiado e, en especial aos que levaban cans, da presenza do niño, da situación precaria da especie e do risco de abandono da posta, como xa acontecera en anos anteriores; todos eles entenderon perfectamente a situación e evitaron, en todo momento, pasar cerca das aves que incubaban.



Inmediatamente púxose o feito en coñecemento do Servizo Provincial de Conservación da Natureza, solicitando medidas de protección baseadas noutras similares levadas a cabo noutros areais de Galicia. Para protexer o niño, procederon a colocar un pequeno balado de aramio, cuns postes de madeira e un cartel indicador, de xeito que as persoas puidesen observar o proceso pero sen achegarse en demasía, evitando as molestias durante a incubación, o que provocaría que as aves abandonasen a posta e se malograse a cría. Tratábase dunha medida destinada a informar e advertir aos visitantes do areal da presenza dunha especie de ave ameazada nidificando na zona, conseguindo a sensibilización e a colaboración da cidadanía.

Debemos ter en conta que o niño (unha simple depresión na area cunhas cunchiñas) e os ovos se camuflan de tal forma que podemos estar deitados nunha toalla a un metro del sen decatarnos. Isto provocaría que os adultos non se deiten sobre os ovos durante horas, malogrando a cría.



Durante case catro semanas as aves estiveron incubando ata que naceron os tres polos a finais do mes de abril. Os poliños, do tamaño dunha pelota de ping-pong, agóchanse no chan ao paso das persoas polo que, normalmente, pasan desapercibidos. Durante este mes de maio recomendamos camiñar o máis próximo ao mar como sexa posible e o máis lonxe da duna. O principal sería non levar cans soltos, xa que eles si teñen unha maior habilidade para detectar estes polos e poderían matalos ao collelos coa boca.



Agradecemos ao Servizo de Conservación da Natureza (tanto ao técnico como aos gardas da Rede Natura) os esforzos que dedicaron durante mes e medio para que todo chegase a bo porto.

Na actualidade o cercado de aramio xa foi desmontado de forma que todo parece normal na praia de Nerga, coa diferencia de que cando menos dous dos tres polos nacidos na praia poderían continúar no lugar. De momento os polos aínda non voan, polo que solicitamos aos visitantes do areal que se os atopan non intenten collelos e se afasten deles, para que os pais podan alimentalos, pero, sobre todo, que non camiñen con cans libres.

Os cans soltos son a maior ameaza para a conservación da píllara das dunas. Noutras zonas de Galicia, tamén resultan predados algúns niños e polos por corvos e gaivotas.



Cabe a posibilidade de que os polos morreran durante o último período de chuvias da semana pasada ou que foran predados. De ser así, case con toda probabilidade, os adultos tentarán repetir o proceso durante os próximos 45 días.

Desexamos que este non sexa un caso illado e que en anos sucesivos, coa colaboración de todos, esta ave siga aniñando nas nosas praias. Temos referencias de persoas maiores que nos comentaron que as píllaras criaban antigamente mesmo no areal da Praia de Rodeira, hoxe en pleno casco urbano.

Na actualidade xa cría noutros puntos da ría de Vigo, os máis próximos nas Illas Cíes, no Parque Nacional.

Esperemos que a poboación se recupere pouco a pouco, evitando a súa extinción.


Informe Pillara Das Dunas Maio 12 Blog