13 de noviembre de 2012

Dez anos despois do pesadelo "Prestige"

Símbolo da unión da sociedade galega contra a marea negra. Fonte: web NUNCA MÁIS.
13 de novembro. As 15:15 hora local o petroleiro Prestige, cargado con 77.000 toneladas de fuel, segundo cifras oficiais, sufre unha vía de auga a 28 millas do Cabo Fisterra e navega á deriva. 
  
16-17 de novembro. O fuel chega á costa galega, contaminando 150 quilómetros de litoral. Camariñas, Corme, Laxe, Baldaio, Malpica, Roncudo e Cabo Touriñán son as zonas máis afectadas polo verquido.

O buque "Prestige" intres antes do seu afundimento. Fonte: BlogMercante.

19 de novembro. O Prestige parte en dous e logo afúndese a unhas 133 millas das illas Cíes. 

23 de novembro. Comeza a chegada masiva de voluntarios ante a dantesca catástrofe e a inoperancia política e administrativa.

30 de novembro. Chega ás costas a segunda marea negra.

1 de decembro. Multitudinaria manifestación en Compostela, a máis concorrida da historia do país, con máis de 200.000 persoas berrando 'Nunca Máis'. Le o manifesto no Obradoiro Manuel Riva.

Itinerario do buque "Prestige". Fonte: BlogMercante.+
3-4 de decembro. Unha flota de barcos bateeiros da Arousa impiden a entrada do fuel na ría con aparellos de pesca. Imaxes heroicas para a historia.

28 de xaneiro. Nunca Máis interpuxo no Xulgado de Corcubión, en exercicio do dereito constitucional á acción popular, unha querela criminal contra os responsables dos danos causados pola catástrofe: as persoas vinculadas á propiedade, explotación e goberno da embarcación: a empresa Mare Shipping Inc., propietaria do buque, a empresa Universe Maritiam Ltd., armadora e Apostolos Mangouras, o capitán, e aquelas outras que, desde a Administración, constituídos en gabinete de crise, decidiron o seu destino desde o momento do sinistro: Arsenio Fernández de Mesa, delegado do Goberno en Galicia, Ángel de Real Abella, Capitán Marítmo da Coruña e José Luis López Sors, director xeral da Marina Mercante. 
 
Imaxe satelital co fuel-oil fronte a costa galega. Fonte: ESA.
23 de febreiro. Histórica manifestación en Madrid. Preto dun millón de persoas reclaman polas rúas da capital do Estado responsabilidades políticas e demisións pola crise do Prestige.

Nos primeiros 6 meses despois da catástrofe recolléronse unhas 23.200 aves petroleadas nas costas españolas, portuguesas e francesas, ascendendo as estimas a máis de 230.000 exemplares afectado polo fuel-oil.

Fontes: plataforma NUNCA MÁIS e El Mundo.
Cronoloxía completa do desastre en: El Mundo.

9 de noviembre de 2012

Máis de 400 persoas participaron no Día Mundial das Aves 2012


Durante o pasado mes de outubro o noso colectivo realizou dúas xornadas con motivo da celebración do Día Mundial das Aves (07 e 28 de outubro de 2012). Ámbalas dúas contaron cunha enorme participación cidadá, aínda que asistiron persoas de tódalas idades, temos que destacar a afluencia de nenos/as o que indica a importancia do evento no eido da educación ambiental.

A participación foi moi elevada

Este ano, ademais da xornada habitual do primeiro fin de semana do mes de outubro (actividade que realizamos ininterrompidamente dende o ano 2004), realizamos un evento conxunto organizado co Club Montañeiro Peña Trevinca. No boletín deste colectivo podemos salientar o seguinte:

Picapeixe (Alcedo atthis), a estrela indiscutible do Día das Aves 2012

Un ano máis celebramos “As Trevincas” IV Xornadas Mediambientais, conscientes da necesidade de fomentar o coñecemento, coidado e respecto polo medio ambiente, e nós os montañeiros ou sendeiristas en particular con máis motivo, dado o noso contacto permanente coa natureza. Confiamos na implicación dos mozos e de nós, os pais, para potenciar valores conservacionistas, fomentando o coñecemento do Medio Ambiente, para que as nosas saídas ao campo ou á montaña poidan contribuír á súa conservación ou recuperación. “As Trevincas 2012” contan coa colaboración de dúas asociacións naturalistas de gran relevancia en Galicia, como son a Sociedade Galega de Ornitoloxía (S.G.O) de Santiago e o Grupo de Anelamento Anduriña de Cangas, aos cales queremos agradecer o traballo realizado no desenvolvemento destas xornadas.

Indicacións realizadas polos aneladores aos participantes

As actividades consistiron en charlas de identificación de especies e observación no campo, acompañadas de marcaxe de aves silvestres.

Telescopios terrestres para facilitar a observación das aves mariñas e limícolas

As notas na prensa local sobre as xornadas: "Balea acoge el fin de semana otra jornada de observación y anillamiento de aves". Faro de Vigo. 06/10/2012. "Una lección al vuelo". Faro de Vigo. 08/10/2012.

Nenos/as observando un paxaro capturado durante a realización da actividade

Moitas grazas a tódolos participantes!!