28 de diciembre de 2012

Estación de Esforzo Constante de Darbo, resultados no mes de Decembro 2012


Este mes houbo que esperar uns 10 días sobre a data prevista de mostraxe debido ao mal tempo (chuvia e sobre todo vento) que azotou Galicia, impedindo a súa realización na data habitual (mediados de mes).

Exemplar de pica dos prados (Anthus pratensis) momentos antes de ser liberado.
Capturamos un total de 26 aves de 13 especies. Os valores son normais para este mes, cunha media de 26.7 aves e 11 especies nos oito anos previos.

Especie                capturas                Media 2005-2012
A. pratensis                1                                0.1
T. troglodytes             1                                1.6
E. rubecula                 3                                4.4
T. philomelos              3                                1.3
T. merula                    2                                3.1
S. atricapilla                1                               1.6
P. collybita                  3                               1.1
A. caudatus                2                                3.3
P. ater                         1                               0.3
P. caeruleus                 4                               0.6
P. major                      2                               0.6
F. coelebs                   2                               0.4
C. chloris                    1                               0.6

Nº individuos            26                             26.7
Nº especies              13                              11 

Exemplar de ferreiriño azul (Parus caeruleus) durante o proceso de toma de datos.
Ao igual co mes pasado, aumentou o número de ferreiriños (9 individuos de Parus spp-Aegithalos fronte aos 4.8 de media esperados), favorecido pola progresiva aparición de salgueiros nos campos abandonados. Quizá isto tamén favoreza a maior presenza de zorzal (T. philomelos), picafollas (P. collybita) e pimpín (F. coelebs). Pola contra, constátase a ausencia de especies con preferenza polos campos máis abertos como a azulenta (P. modularis) e a carriza dos xuncos (C. juncidis), cunha media de 2.7 e 1.0 aves neste mes en anos previos. Nos últimos anos apréciase unha tónica xeral nestas especies cara a facerse cada vez máis raras.

Autor texto: Antonio Fernández Cordeiro.
Autor fotografías: Marta Santomé.

9 de diciembre de 2012

Resultados da EEC de Darbo-Cangas, no mes de Novembro


Comezamos unha nova serie de entradas nas que iremos contando os resultados da Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo-Cangas. Na nosa EEC rexistramos as capturas de aves diferentes realizadas durante un día completo (dende o amencer ata a posta do sol), mediante a utilización de 9 redes xaponesas (108 m de lonxitude en total). 

A nosa área de estudio atópase nunha zona típica de campiña galega (zona de cultivos parcialmente abandonados, con bosquetes de salgueiros que colonizan as fincas que non se traballan), próxima á costa, no entorno das Rías Baixas.

Área da Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo.
A EEC de Darbo-Cangas sitúase no SW de Galicia, na Península do Morrazo (provincia de Pontevedra), nas coordenadas 42º 15’ 46” N, 08º 47’ 50” W, nunha zona situada a tan só 60 m de altitude e 1,1 Km do mar, o que conleva unha certa “dulcificación” climática.

As campiñas costeiras do norte de España teñen un gran interese ornitolóxico, pois durante a primavera albergan unha elevada diversidade de aves reprodutoras, consecuencia probable da gran variedade fisionómica e florística. Segundo algún sautores, a ornitocenose invernal da campiña eurosiberiana está constituída, maioritariamente, por especies estritamente invernantes ou non presentes na época reprodutora; é un dos medios máis importantes para a recepción de invernantes, menos restritivo que a meirande parte dos cultivos máis mediterráneos presentes no norte peninsular, incapaces de acoller outras especies que unhas poucas granívoras xeneralistas.

Exemplar de P. major intres antes de ser liberado.
O pasado mes de novembro comezamos o noveno ano de estudio ininterrompido nesta localidade. O día 21.11.12 capturamos un total de 39 aves de 11 especies:
  1. T. troglodytes 1 
  2. E. rubecula 9 
  3. T. merula 3 
  4. S. melanocephala 1 
  5. S. atricapilla 2 
  6. P. collybita 6 
  7. A. caudatus 8 
  8. P. ater 2 
  9. P. caeruleus 2 
  10. P. major 3 
  11. F. coelebs 2 

Exemplar de P. collybita capturado na EEC de Darbo.
Os valores son habituais para este mes, cunha media de 42 aves e 12 especies nos oito anos previos. Destaca a ausencia de capturas de azulenta (P. modularis) e bico de lacre (E. astrild), que presentaban unha media de 4.6 e 3.9 aves capturadas neste mes en anos previos. Tamén se pode mencionar o baixo número de papuxas (S. atricapilla; media esperada de 5.1 aves). Pola contra aumentou o número de ferreiriños capturados (15 individuos de Parus spp-Aegithalos fronte aos 4 de media esperados).

Autor: Antonio Fernández Cordeiro.