16 de agosto de 2013

Resultados da EEC de Darbo-Cangas. Xullo 2013


Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo-Cangas. Península do Morrazo 42º 15’ 46” N, 08º 47’ 50” W.
Aves diferentes capturadas durante o día 13.07.13.
9 redes xaponesas (108 m de lonxitude total). 
Campiña galega-Rías Baixas. 
Noveno ano de estudio ininterrompido nesta localidade.

Este mes realizouse a mostraxe na EEC na data prevista (cara mediados de mes), varios días despois dunha forte onda de calor que padecemos no NW ibérico (ata 35 ºC na zona), como colofón a unha primaveira chuviosa que non auguraba nada bo respecto do éxito de cría.


Capturamos un total de 26 aves de 12 especies, similar ao mes pasado. De novo, un número moito menor do esperado (a metade), respecto de que sería habitual para esta época do ano (media de 50 aves e 13 especies nos oito anos previos). A penas se capturaron polos das especies que deberían ter criado no lugar. 

Ao igual co mes pasado, non se vían aves por ningures. O medio parecía baleiro e os nosos datos reflexan o mal que lles foi a cría as nosas especies habituais. As capturas foron: 




Neste mes destaca a captura ocasional dun bo número de páridos (Aegithalos/Parus spp.), debido ao seu comportamento gregario, ao desprazarse en grupos familiares trala cría. Tamén destacan, pola súa ausencia o merlo (Turdus merula) e polo baixo número a papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) e a felosa amarela (Hippolais polyglotta), en menor medida tamén o paporrubio (Erithacus rubecula). O resultado da cría deste ano está a ser nefasto nesta zona costeira das Rías Baixas.

Seguen ausentes os granívoros e tampouco apareceron os pardais (Passer domesticus) nin os xiríns (Serinus serinus). E non se pode atribuír a que non houbera comida, xa que as gramíneas abundaban por todas partes despois das prolongadas chuvias dos meses pasados.

O número acumulado de capturas no que vai de ano dinos que estamos no peor dos nove que levamos de estudio.

Texto: Antonio Fernández Cordeiro.
Fotografías: Óscar Santomé e Marta Santomé.