21 de febrero de 2014

A Herba da Pampa en Vigo


Dende o Grupo de Anelamento Anduriña, queremos salientar a inadecuada presenza de múltiples exemplares de Cortaderia selloana nos xardíns da EDAR de Vigo. Esta especie, dada a súa localización, non fai máis que incrementar gravemente a degradación do humidal “Xunqueira do Lagares”. A Cortaderia selloana ou Herba da Pampa é unha gramínea invasora incluída no “Listado y Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras” (Real Decreto 630/2013), no “Atlas de las Plantas Alóctonas Invasoras en España”, e no “Listado de Plantas Exóticas e Invasoras de Galicia, Asturias, Cantabria e Pais Vasco”.

Cortaderia selloana ou Herba da Pampa no noiro do río Lagares. Autora: Soledad Bastos.
Segundo o R. D., as especies exóticas invasoras constitúen unha das principais causas de perda de biodiversidade no mundo, circunstancia que se agrava en hábitats e ecosistemas especialmente vulnerables. As incluídas no anexo (como a Cortaderia) “constitúen unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas”.

Cortaderia selloana no noiro da EDAR de Vigo. Autora: Soledad Bastos.

Tendo en conta o exposto anteriormente, dende o noso grupo solicitamos recentemente a súa inmediata retirada e eliminación, así como dos espazos naturais limítrofes polos que se está a expandir ao concello de Vigo.