Marcaxe de Gaivotas



Durante os anos 2000 e 2001 realizáronse unhas campañas de marcaxe de polos de gaivota patiamarela (Larus michahellis) con aneis plásticos de lectura a distancia. Programa de anelamento aprobado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Este proxecto foi presentado por varios grupos de anelamento galegos, para estudar a orixe, movementos intercoloniais e intracoloniais, dispersión, muda, etc. O Grupo de anelamento Anduriña encargouse da marcaxe nas colonias das Illas Cíes e a Illa de Ons, con aneis metálicos oficiais do remite ICONA e unha anela de lectura a distancia para a identificación individual dos exemplares marcados.

Durante o período de tempo transcorrido dende a súa marcaxe, recompilouse a información relativa as observacións (recuperacións) dos exemplares anelados, indicando o número de anela, a data, o lugar, as coordenadas UTM, e o observador. A base de datos está xestionada polo Grupo de Anelamento “ANDURIÑA”. Con estes datos, realízanse os historiais vitais individuais dos exemplares marcados, obténdose unha valiosa información sobre a fenoloxía da especie, así como, outros datos de relevancia, que se citaron con anterioridade. 


Toda esta información resulta básica para o coñecemento e conservación da especie. Non debemos esquecer que a información cientificamente sólida é a base fundamental para calquera política de conservación e xestión efectiva.

Por esta razón solicitamos a túa colaboración na procura de lecturas de gaivotas patiamarelas aneladas, envía as túas observacións ao correo electrónico albertopastoriza@hotmail.com.