3 de abril de 2012

1º anelamento dun cruzabico (Loxia curvirostra) na provincia de Pontevedra


O cruzabico (Loxia curvirostra) é un paxaro cunha bioloxía distinta á da grande maioría dos paseriformes que podemos atopar en Galicia.
Dunha banda é unha ave que se cataloga en España e no centro e sur de Europa coma irruptiva. Reprodúcese amplamente en Escandinavia e norte de Rusia; cara ao sur cría localmente e adoita ser irregular nas illas británicas, península ibérica, Córcega, Italia, centroeuropa, países bálticos, países balcánicos, etc.
Nestes lugares pode reproducirse esporadicamente a partires dunha invasión ou irrupción. Estes movementos son unha característica típica da especie, cuxa conduta é tan errática e cambiante que as súas poboacións poden ser densas un ano nunha localidade e desaparecer ó ano seguinte completamente.


Na península ibérica detectáronse invasións nos anos 1953 (dende xuño), 1956 (dende agosto), 1959 (dende xullo), 1962 (dende xullo), 1963 (dende agosto) e 1971 (dende outubro). Das anteriores que se produciron no século XX, non hai datos seguros, pero existen algúns imprecisos e esporádicos que fan pensar en polo menos 12 invasións máis na península ibérica. Da que mais datos existen é da producida en 1959 (Invasión de piquituertos -Loxia curvirostra- en 1959. Ardeola 6 (2): 314-319 Bernis, F. ,1960), con observacións en Pontevedra (agosto de 1959, grupo -sic- de cruzabicos moi mansos sobre Cupressus sp. preto da praia de Panxón- Nigrán), Aragón, Cataluña (uns 2000 exemplares en Vallvidrera -Barcelona- en xullo e 100 preto de Vich), Castela, Madrid en maio, Andalucía (Cádiz, Huelva e Granada), Levante (Valencia en outubro e Alacante en agosto e setembro) e Guipúscoa (Zumaia en setembro). Algúns permaneceron todo o inverno, en máis dun caso unha pequena poboación quedou para criar e nos últimos días de febreiro xa había algún niño. Tamén houbo capturas de exemplares anelados: así, en Zalla (Biscaia), colleuse en setembro un xuvenil anelado en Suíza en maio do mesmo ano; en Mataró (Barcelona), capturouse en novembro un anelado en Cracovia (Polonia) en xuño do mesmo ano; en San Ildefonso (Segovia) capturouse no inverno de 1959-1960 un anelado en maio en Baviera (Alemaña); en Illora (Granada) capturouse en setembro un anelado en Suíza como xuvenil en maio e en Bocairente (Valencia) capturouse en novembro un anelado en decembro de 1958 en Oberbayern (Alemaña).


Tamén a especie posúe pequenos núcleos estables reprodutores espallados polo norte e este da península ibérica, cun maior número de efectivos localizados na franxa mediterránea. Dende o ano 2001, o cruzabico experimenta un notable aumento poboacional, segundo os resultados do programa SACRE de Seo/Birdlife en 2005. No Atlas das aves reprodutoras de España (Dirección General de Conservación de la Naturaleza-Sociedad Española de Ornitología, 2004) aparecen na provincia de Pontevedra dúas cuadrículas con reprodución probable-segura situadas nas serras orientais preto da provincia de Ourense. Unha cuadrícula abrangue ao alto de Fontefría (Concello da Cañiza) e a outra á serra do Suído, entre as provincias de Pontevedra e Ourense.


O día 11 de xuño de 2011, xunto cos meus amigos Emilio Solla Pazos e Ana Fernández Beloso, conseguimos capturar para o seu anelamento científico un exemplar xuvenil de cruzabico nun piñeiral mixto de Pinus sylvestris e Pinus pinaster situado na parroquia de Caroi (Cotobade), a uns 640 metros de altitude, despois de moitos meses controlando esta especie no mesmo lugar tódolos días que fomos. O mesmo exemplar foi recapturado o 13 de setembro de 2011 no mesmo lugar, o que parece suxerir que a especie criou neste lugar, ou preto. Agardamos que o anelamento poida constituír unha valiosa ferramenta para entender o comportamento e ecoloxía desta fascinante ave.


Esta captura constitúe o primeiro anelamento científico da especie na provincia de Pontevedra. Previamente se anelaron, en Galicia, 26 exemplares o 20 de xullo de 2005 no Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (Manu Polo, TERRANOVA Interpretación y Gestión Ambiental S.L., com. pers.). A recaptura sería a primeira que acontece en Galicia.

Vítor Xosé Cabaleiro Barroso

1 comentario:

Rafael dijo...

Moi boas...agradecido por esta entrada que me deu a aprender moitas cousas de páxaro tan pouco corriente e que dende logo nunca vin polo noroeste do Noroeste.
Saudiñas