7 de octubre de 2010

Celebración: DÍA MUNDIAL DAS AVES 2010; 3 de outubro

Por mor do mal tempo, as actividades que o Grupo Anduriña tiña previstas realizar o fin de semana pasado co motivo da celebración do día das aves foron aprazadas ao vindeiro domingo día 10 de Outubro. Agardamos veros todos alí!



A fin de semana pasada tiña lugar comeza unha nova edición deste importante evento organizado por BirdLife International a escala mundial e que en España coordina SEO/BirdLife, para dar a coñecer o apaixonante mundo das aves e os seus problemas de conservación. Este ano desenvolveranse máis de 300 actividades en toda España, unha delas a que agora che presentamos, na que participa o noso Grupo de Anelamento ANDURIÑA e que por mor do mal tempo non pudo ser realizada o fin de semana pasado.

Por SÉPTIMO ano consecutivo, o grupo de anelamento ANDURIÑA e máis a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife) convidan ao público en xeral a participar nos actos do “Día Mundial das Aves”. Repartirase entre os asistentes o libro editado polo noso grupo sobre o Espazo Natural de Punta Balea. A SEO facilitará material para repartir entre os participantes (pegatinas, globos, posters, folletos informativos, etc.). Trátase dunha celebración moi especial que pretende festexar e difundir a rica variedade de aves que temos no noso país e en Punta Balea en particular.


Os actos serán esta fin de semana, o domingo día 10 de outubro, en Punta Balea (de 9:30 a 13:30), no tramo de costa comprendido entre a baleeira e a praia da Areamilla (cun punto de observación fixo nas inmediacións da lagoa).

A elección deste lugar non é fortuíta senón que se trata do mellor lugar da Península do Morrazo (e un dos mellores da provincia) para a observación das aves, tanto polo número de especies presentes (unhas 140 ó longo do ano) como polo achegamento que permiten.

Ao igual que en anos anteriores haberá varios postos de observación de aves nos que se poderán contemplar diversas aves acuáticas (na lagoa), mariñas (nas praias e mar) e terrestres (na costa).


Ao igual que en anos anteriores, nenos e maiores poderán seguir con todo detalle as explicacións (teóricas e prácticas) sobre as migracións e o estudio das aves mediante o seu anelamento (marcaxe con anelas).

Haberá telescopios a disposición do público, aínda que se recomenda que aqueles afeccionados que teñan prismáticos en casa veñan con eles.

Esperamos acadar o éxito de edicións anteriores, nas que participaron varios centos de persoas. Recoméndase a asistencia a primeiras horas, nas que as aves están máis activas (e sería máis doado observar un maior número de aves e especies) e, sobre todo, non deixalo para última hora do domingo, na que se produce a maior asistencia de público.


Os pasados anos observáronse, durante a actividade, unhas 30-40 especies de aves. Destas, preto de 15 especies foron capturadas e marcadas en presenza dos asistentes.

O acto ten unha dobre finalidade. Dunha banda poñer en coñecemento do público a grande diversidade de especies presente en Punta Balea e doutra reivindicativa de cara a conseguir a conservación deste espazo natural, situado en solo de protección de espazos naturais, sobre o que penduran diversas ameazas.


Os obxectivos xenerais do día das aves son:

Achegar o mundo das aves e os seus hábitats aos cidadáns animando á xente a unha maior participación e apoio na conservación da natureza.

Dar a coñecer as ameazas ás que se enfrontan as aves e as medidas de conservación necesarias para a súa supervivencia.


Concienciar á opinión pública sobre a importancia de conservar o noso entorno natural máis próximo, como un primeiro paso para avanzar na conservación medioambiental do noso planeta.

A proposta deste ano, é “SALVEMOS A BIODIVERSIDADE”, xa que as Nacións Unidas declararon o 2010 como o Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, co lema "A Biodiversidade é Vida. A Biodiversidade é a Nosa Vida".


Polo tanto, 2010 é un ano moi importante para o futuro da biodiversidade do noso planeta, xa que a Unión Europea e as Nacións Unidas deben aprobar os obxectivos de conservación da biodiversidad para o 2050 cuns obxectivos intermedios en 2020. As asociacións ambientalistas debemos loitar e estar alertas para garantir que así sexa.

No Día Mundial das Aves 2009 se celebraron en España 168 actos,nos que participaron máis de 30.000 persoas, resultando ser, como en anos anteriores, un dos países con maior índice de participación.


Agardamos a vosa asistencia!
Un saúdo
Antonio Fernández Cordeiro
Grupo de Anelamento ANDURIÑA
Tel. contacto: 645 934 980

No hay comentarios: