4 de noviembre de 2010

Rousinol bravo Cettia cetti

Esta semana, no foro de debate sobre ornitoloxía galega da SGO (Galiciaves) falouse dos posibles movementos do rousinol bravo en Galicia, unha especie aparentemente sedentaria.

Colgamos aquí un extracto dun capítulo sobre esta especie, escrito por un dos nosos aneladores fai catro anos, que se atopa en espera de ser publicado pola SGO nunha monografía sobre a migratoloxía das aves galegas.


Este páxaro aparece ben distribuído por toda a península Ibérica, onde cría en soutos e humidais, con vexetación enmarañada e voluminosa, próxima á auga; as maiores densidades aparecen en soutos e carrizais da meseta norte (ata 4.5 aves/10 Ha). Parece ser máis abundante na periferia peninsular (máis abondoso entre os 400-800 m), en zonas próximas ó mar, evitando os sectores montañosos (non superando a cota dos 1.300 m); esta limitación puidera estar relacionada coa falta de hábitat axeitado e a sensibilidade da especie ós invernos moi rigorosos, que producen unha alta mortalidade nas súas poboacións. No centro da península, as poboacións montanas abandonan en inverno as áreas de cría e noutras moitas zonas rarifícanse durante o inverno (Tellería et al., 1999; Bermejo, en Martí e Del Moral, 2003).

Compórtase como unha especie maioritariamente sedentaria, aínda que parece presentar movementos durante a primavera e outono, con presenza de invernantes en localidades máis temperadas, non ocupadas durante o verán; estes movementos puideran estar protagonizados por xóvenes e femias e parecen ser a base das recuperacións numéricas da especie en lugares onde o rigor invernal producira previamente o declive das súas poboacións (Tellería et al., 1999).


Durante o século XX os seus efectivos poboacionais en Europa experimentaron unha notable expansión cara ó norte (Simms, 1985). A pesar disto, na península non hai recuperacións de aves extraibéricas e só 4/249 aves ibéricas foron recuperadas a máis de 100 Km, fronte o 92 % controlados no lugar de anelamento (Cantos, 1992).

As capturas que figuran na OEM (Ministerio de Medio Ambiente) distribúense ó longo de todo o ano. Para 13 indiv. diferentes con 16 recapturas posteriores (n=29), o 55 % aparecen no período posnupcial e preinvernal (setembro a novembro). Destaca un xuvenil marcado en Monforte de Lemos (Lugo) o 12.09.67 e recapturado o 16.09.71, catro anos despois, cazado con escopeta (tódalas demais aves foron controladas por aneladores).

Esta especie presenta unha alta taxa de movilidade nas recapturas, xa que un 2.3/1.000 das aves marcadas foron atopadas a máis de 10 Km (140 aves de 61.877 anelamentos, en Pinilla et al., 2003). A base de datos da OEM contén numerosos rexistros de femias e xuvenís, en ningún caso machos adultos, nativos da cunca do Ebro e centro peninsular que invernarían na costa mediterránea (ata un máximo de 434 Km do lugar de anelamento); diversas aves marcadas na provincia de Tarragona en setembro-outubro foron recapturadas noutras provincias costeiras do Mediterráneo a máis de 100 Km ó cabo de 2-3 semanas, indicando un forte paso nesa época. Pola contra, destaca a ausencia de recapturas de aves nativas de Castela-León, onde esta especie presenta altas densidades, o que puidera suxerir o movemento destas aves cara ás costas cántabro-atlánticas que, no caso de Galicia, poderían ter a cunca do Sil-Miño como vía de desprazamento. A ausencia de datos podería deberse ao escaso volume de anelamentos neste cadrante noroccidental (en comparación co volume de anelamentos na cunca mediterránea).


O estudo do paso posnupcial por Vilamartín de Valdeorras (Ourense), na cunca do Sil, onde cría (datos inéditos do Grupo de anelamento ANDURIÑA, estación de esforzo constante de agosto a outubro de 1992), reflexa unha densidade de aves en agosto que se duplica durante setembro e a primeira quincena de outubro, dando idea dun forte paso.

En zonas de Galicia onde non cría, coma O Morrazo (Pontevedra), tamén se observa un forte paso en outubro, maioritariamente femias (0,3:1, machos:femias, n= 21), dos que case a metade dos individuos se quedarían a invernar (datos inéditos do Grupo de anelamento ANDURIÑA, estacións de anelamento mediante esforzo constante anos 2000-2010).

Así pois, fóra da época de cría, a presenza dunha alta porcentaxe de machos nunha localidade significaría que nos atopamos nunha área onde a especie cría. O maior volume corporal permítelle aos machos soportar temperaturas máis baixas e permanecer neses lugares, garantindo a defensa dos territorios para a vindeira estación reprodutora, mentres cas femias deben moverse cara zonas máis termófilas. As localidades onde a poboación invernante está constituída case exclusivamente por femias corresponderíanse con localidades de invernada.


Os anelamentos realizados nos últimos cinco anos polos membros do Grupo de Anelamento ANDURIÑA amosan unha paridade de sexos nas capturas realizadas entre xaneiro e agosto (1,1:1, n= 65), pasando os machos a representar só un terzo das capturas en setembro-decembro (0,5:1, n= 101).


Texto: Antonio Fernández Cordeiro
Fotos: Pablo Sanmartín
Rubén Portas

1 comentario:

Animal em Risco dijo...

Me encantan las aves, lo que el blog dice que las cosas están muy bien. ¡Enhorabuena!
lo siento por mi mal español... Soy de blog Animales en Peligro, un blog brasileño.

Animales en Peligro
(www.animalemrisco.blogspot.com)