Dentro das actividades de divulgación que desenvolve o Grupo de Anelamento Anduriña ao longo do ano, este mes colaboraremos coa CSOA O SALGUEIRÓN, que ven de convocar unha xornada de observación no medio mariño, durante a baixamar, o vindeiro domingo 17 de abril ás 10:00 h. A asistencia do público é libre e gratuita. A visita estará guiada polo presidente da nosa asociación, doutor en Bioloxía (especialidade zooloxía mariña), Antonio Fernández Cordeiro.
O lugar elixido é a zona de Punta Balea contigua á antiga factoría conserveira de Massó, xusto aos terreos que pretendían aterrar para construir un porto deportivo, parado grazas á movilización veciñal.
Esperamos ter o éxito de anteriores visitas, con presenza de case medio centenar de persoas.
O intermareal constitúe un dos hábitats máis diversos de cantos atopamos en Punta Balea. As especies que observaremos no lugar variarán en función do coeficiente de descuberta mareal (as mellores mareas permitirán o estudio máis completo deste medio) e do tipo de substrato (area ou rocha).
Nos niveis superiores das rochas (os que quedan ao descuberto) e incluso nas baixamares máis mortas, aparecen numerosos invertebrados que resisten ben a desecación (arneiróns, lapas, caramuxos, queimacasas, ...) ainda que para elo deban recorrer a diversas estratexias.
As pozas de marea constitúen un pequeño acuario onde atopamos especies de grupos moi diferentes (estrugas, camaróns, peixes, ...). Aquí non caben as especies esixentes, xa que nos atopamos nun medio ambiente moi variable. Mentres que non sube a marea, nos días de sol, a auga quéntase e sofre un descenso na concentración de osíxeno, ao tempo que aumenta a salinidade pola evaporación de parte da auga, ou mesmo diminúe nos días de chuvia.
Moitas especies escapan dos predadores aéreos agochándose baixo as pedras durante a baixamar, outras refuxiarse aí para resistir as condicións extremas que se presentan durante a ausencia de marea. Podemos estudalas levantando as pequenas pedras, pero debemos ter en conta non alterar o seu hábitat. Así, despois de observalas debemos poñer a pedra na súa posición orixinal, xa que se as deixamos volteadas, as algas que cobren a cara superior, quedarán baixo a pedra, sen luz, morrendo e podrecendo, non permitindo tampouco a vida aos invertebrados que acabamos de observar. Baixo as pedras atoparemos diferentes especies de miñocas, esponxas, poliplacóforos, caramuxos diferentes aos das zonas superiores, algunha ostra, holoturias, ofiuras, estrelas de mar e mesmo algún peixe lapa.
Onde desaparecen as rochas e o mar deposita area atopamos o intermareal areoso, onde viven diversas especies de bivalvos ou unha miñoca moi coñecida (o cagulo).
Faremos tamén unha rápida incursión no sublitoral, á parte que nunca descobre, nin tan sequera durante as máximas baixamares, onde viven as peneiras, nécoras, lesmas de mar e outros organismos.
En fin, un mundo fascinate. Se queres coñecelo estás invitado. Trae botas de auga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario