29 de septiembre de 2011

Actos do Día Mundial das Aves 2011


Esta fin de semana comeza unha nova edición deste importante evento organizado por BirdLife International a escala mundial e que en España coordina SEO/BirdLife, para dar a coñecer o apaixonante mundo das aves e os seus problemas de conservación. Este ano desenvolveranse máis de 300 actividades en toda España, unha delas a que agora che presentamos, na que participa o noso Grupo de Anelamento ANDURIÑA.



Por OCTAVO ano consecutivo, o grupo de anelamento ANDURIÑA e máis a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife) convidan ao público en xeral a participar nos actos do “Día Mundial das Aves”. Repartirase entre os asistentes o libro editado polo noso grupo sobre o Espazo Natural de Punta Balea. A SEO facilitará material para repartir entre os participantes (pegatinas, posters, folletos informativos, etc.). Trátase dunha celebración moi especial que pretende festexar e difundir a rica variedade de aves que temos no noso país e en Punta Balea en particular.




Os actos serán esta fin de semana,

O sábado pola mañán, día 1 de outubro, haberá unha primeira convocatoria, para os comuneiros da Comunidade de Montes de Darbo, no monte Varalonga, onde se realizará anelamento de pequenas aves.

O domingo día 2 de outubro, desenvolverase o xa tradicional “Día das Aves” en Punta Balea (de 9:30 a 13:30), no tramo de costa comprendido entre a baleeira e a praia da Areamilla (cun punto de observación fixo nas inmediacións da lagoa).

A elección deste lugar non é fortuíta senón que se trata do mellor lugar da Península do Morrazo (e un dos mellores da provincia) para a observación das aves, tanto polo número de especies presentes (unhas 140 ó longo do ano) como polo achegamento que permiten.


Haberá varios postos de observación de aves nos que se poderán contemplar diversas aves acuáticas (na lagoa), mariñas (nas praias e mar) e terrestres (na costa).




Ao igual que en anos anteriores, nenos e maiores poderán seguir con todo detalle as explicacións (teóricas e prácticas) sobre as migracións e o estudio das aves mediante o seu anelamento (marcaxe con anelas).

Haberá telescopios a disposición do público, aínda que se recomenda que aqueles afeccionados que teñan prismáticos en casa veñan con eles.





Esperamos acadar o éxito de edicións anteriores, nas que participaron varios centos de persoas. Recoméndase a asistencia a primeiras horas, nas que as aves están máis activas (e sería máis doado observar un maior número de aves e especies) e, sobre todo, non deixalo para última hora do domingo, na que se produce a maior asistencia de público.

Os pasados anos observáronse, durante a actividade, unhas 30-40 especies de aves. Destas, preto de 15 especies foron capturadas e marcadas en presenza dos asistentes.





O acto ten unha dobre finalid

ade. Dunha banda poñer en coñecemento do público a grande diversidade de especies presente en Punta Balea e doutra reivindicativa de cara a conseguir a conservación deste espazo natural, situado en solo de protección de espazos naturais, sobre o que penduran diversas ameazas.




Os obxectivos xenerais do día das aves son:

Achegar o mundo das aves e os seus hábitats aos cidadáns animando á xente a unha maior participación e apoio na conservación da natureza.

Dar a coñecer as ameazas ás que se enfrontan as aves e as medidas de conservación necesarias para a súa supervivencia.

Concienciar á opinión pública sobre a importancia de conservar o noso entorno natural máis próximo, como un primeiro paso para avanzar na conservación medioambiental do noso planeta.

A proposta deste ano é NACERON PARA VOAR LIBRES, contra “A CAZA ILEGAL DE AVES MIGRADORAS”, xa que máis de catro millóns destas aves morren ao ano en España, especialmente na rexión Mediterránea, a pesares das prohibicións das leis españolas e europeas.

No Día Mundial das Aves de 2010 se celebraron en España 161 actos (grazas ao esforzo duns 1.000 voluntarios e 174 entidades colaboradoras), nos que participaron máis de 40.000 persoas, resultando ser, como en anos anteriores, un dos países con maior índice de participación.




Antonio Fernández Cordeiro.

Grupo de Anelamento ANDURIÑA.

Tel. contacto: 645 934 980

No hay comentarios: