21 de marzo de 2013

Resultados da EEC de Darbo-Cangas. Marzo 2013


Este mes realizouse a EEC na data prevista de mostraxe (a mediados de mes). Capturamos un total de 28 aves de 13 especies (Media de 31 aves e 12 especies nos oito anos previos). 


Os valores de capturas son os habituais ao inicio da época de cría, tanto no número de especies presentes como no número de capturas de cada unha delas. Comezan os cambios con respecto á estrutura da poboación que tiñamos na invernada. Están a marchar os picafollas (Phylloscopus collybita), aumenta o número de papuxas (Sylvia atricapilla) e os merlos (Turdus merula) están moi activos, xa que están en pleno celo (as dúas últimas especies supoñen o 46,4 % das aves marcadas).

Pimpín (Fringilla coelebs)

En liñas xerais, case tódalas aves que crían na zona cantan con forza ao romper o día, marcando os territorios. Destaca a captura de cinco especies diferentes de frinxílidos, entre os que sobresae, pola súa fermosura, o xílgaro (Carduelis carduelis), ave moi común noutras zonas pero menos frecuente no Morrazo. Como curiosidade, o pimpín (Fringilla coelebs) portaba unha carracha baixo o ollo dereito. A porcentaxe de aves que portan este tipo de parasitos é moi baixa.

Exemplar de pimpín (Fringilla coelebs) cunha carracha baixo o ollo



Autor do texto: Antonio Fernández Cordeiro.

No hay comentarios: