Mostrando entradas con la etiqueta EEC de Darbo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta EEC de Darbo. Mostrar todas las entradas

24 de octubre de 2013

Resultados da EEC de Darbo-Cangas. Setembro 2013


Este mes de setembro capturamos un total de 28 aves de 14 especies.


Confírmase a escaseza de aves locais, só parcialmente compensada polo aumento da diversidade, debida á chegada de especies en migración cara a África. De novo obtivemos a metade de capturas respecto do esperado neste mes (media de 48 aves nos oito anos previos).


Neste mes destaca a captura das especies en migración con destino subsahariano como o reiseñor (Luscinia megarhynchos), a papuxa común (Sylvia communis), o picafollas musical (Phylloscopus trochilus) ou o papamoscas negro (Ficedula hypoleuca).

Autor: Antonio fernández Cordeiro. Fotografía: Soledad Bastos.

13 de septiembre de 2013

Estación de anelamento de Darbo, Agosto 2013



Este mes realizouse a mostraxe na EEC na data prevista (a mediados de mes). Capturamos un total de 22 aves de 8 especies, inferior ao do mes pasado, pese a que estamos a finais da cría e se supón que tódalas aves está rematando (ou remataron xa) de criar. De novo obtivemos un número moito menor do esperado (a metade), respecto da que sería habitual para esta época do ano (media de 47 aves e 14 especies nos oito anos previos). A penas se capturaron polos das especies que deberían ter criado no lugar e, ao haber unha densidade baixa de aves, so detectamos aquelas especies más abundantes. Como exemplo, destacar que en agosto de 2005 capturamos 73 aves de 18 especies. 

Reiseñor (L. megarhynchos).

O comentario dos resultados obtidos en meses pasados segue a ser válido en agosto, non se vían aves por ningures e a cría debeu ser mala tamén na segunda posta (de reposición). As capturas foron:



Neste mes destaca a captura de reiseñor (Luscinia megarhynchos) habitual en paso neste mes, cara aos seus cuarteis de invernada en África. 

Seguen ausentes os granívoros: verderol (Carduelis chloris), xirín (Serinus serinus), pardal (Passer domesticus), etc., dos que cabía esperar unha media de cinco individuos. 


A poboación de aves, na nosa zona de estudio, está no peor dos nove anos que levamos de estudio. Aínda que isto non supón un risco para as especies vulgares (xa recuperarán a poboación en anos de bonanza), supón un pau para aquelas aves “escasas” ou en regresión nos campos de cultivo (como as escribentas -Emberiza spp-). Para estas últimas, a poboación é cada vez menor e o hábitat está cada vez en peores condicións (cultivos abandonados) de cara a futuras reproduccións.

16 de agosto de 2013

Resultados da EEC de Darbo-Cangas. Xullo 2013


Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo-Cangas. Península do Morrazo 42º 15’ 46” N, 08º 47’ 50” W.
Aves diferentes capturadas durante o día 13.07.13.
9 redes xaponesas (108 m de lonxitude total). 
Campiña galega-Rías Baixas. 
Noveno ano de estudio ininterrompido nesta localidade.

Este mes realizouse a mostraxe na EEC na data prevista (cara mediados de mes), varios días despois dunha forte onda de calor que padecemos no NW ibérico (ata 35 ºC na zona), como colofón a unha primaveira chuviosa que non auguraba nada bo respecto do éxito de cría.


Capturamos un total de 26 aves de 12 especies, similar ao mes pasado. De novo, un número moito menor do esperado (a metade), respecto de que sería habitual para esta época do ano (media de 50 aves e 13 especies nos oito anos previos). A penas se capturaron polos das especies que deberían ter criado no lugar. 

Ao igual co mes pasado, non se vían aves por ningures. O medio parecía baleiro e os nosos datos reflexan o mal que lles foi a cría as nosas especies habituais. As capturas foron: 




Neste mes destaca a captura ocasional dun bo número de páridos (Aegithalos/Parus spp.), debido ao seu comportamento gregario, ao desprazarse en grupos familiares trala cría. Tamén destacan, pola súa ausencia o merlo (Turdus merula) e polo baixo número a papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) e a felosa amarela (Hippolais polyglotta), en menor medida tamén o paporrubio (Erithacus rubecula). O resultado da cría deste ano está a ser nefasto nesta zona costeira das Rías Baixas.

Seguen ausentes os granívoros e tampouco apareceron os pardais (Passer domesticus) nin os xiríns (Serinus serinus). E non se pode atribuír a que non houbera comida, xa que as gramíneas abundaban por todas partes despois das prolongadas chuvias dos meses pasados.

O número acumulado de capturas no que vai de ano dinos que estamos no peor dos nove que levamos de estudio.

Texto: Antonio Fernández Cordeiro.
Fotografías: Óscar Santomé e Marta Santomé. 

29 de junio de 2013

Resultados da EEC de Darbo-Cangas. Xuño 2013


Este mes realizouse a mostraxe na EEC na data prevista (cara mediados de mes). Capturamos un total de 27 aves de 12 especies. Un número moito menos do esperado (aproximadamente a metade), respecto de que sería habitual para esta época do ano (media de 50 aves e 12 especies nos oito anos previos). O número é incluso máis baixo co do mes pasado, pese a que deberían voar os polos das especies que criaron no lugar. 

Campos e bosque en Darbo, Cangas.

Poucas aves no medio, como se estiveramos en plena invernada ou algunhas especies non chegaran a criar. As capturas foron:


Destacan, pola súa abundancia, o paporrubio (Erithacus rubecula) e o merlo (Turdus merula), xa que por fin apareceron algunhas aves xuvenís. Cabe destacar a escasez de dúas especies que se atopan en plena cría, como a papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) e a felosa amarela (Hippolais polyglotta); 4 aves das 15 esperadas respecto de anos anteriores. Os granívoros tamén estaban ausentes e non apareceron os pardais (Passer domesticus) nin os xiríns (Serinus serinus). 

Exemplar adulto (esquerda) e xuvenil (dereita) de paporrubio.

Destaca a captura dun macho de falcón pequeno (Falco subbuteo) e un ferreiriño cristado (Parus cristatus).


Por primeira vez no que vai de ano, o número de capturas dista moito do esperado (ver gráfica) e parece indicar unha cría deficiente. Este final de primavera caracterizouse polas abundantes chuvias. Hai poucos polos voandeiros e moitas parellas deben estar a realizar unha posta de reposición. Agardamos ao mes que ven para ver se voltamos á normalidade.

Texto: Antonio Fernández.

9 de junio de 2013

Resultados da EEC de Darbo-Cangas. Maio 2013


Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo-Cangas.
Península do Morrazo 42º 15’ 46” N, 08º 47’ 50” W.
Aves diferentes capturadas durante o día 26.05.13
9 redes xaponesas (108 m de lonxitude total).
Campiña galega-Rías Baixas.

Este mes houbo que retrasar a EEC unha semana sobre a data prevista de mostraxe por mor da meteoroloxía adversa (chuvia e forte vento). 


Capturamos un total de 38 aves de 16 especies (Media de 39 aves e 13 especies nos oito anos previos); Moitas especies xa remataron de incubar e xa voan os seus polos, polo que atopamos o dobre de aves e especies que o mes pasado.


Continuamos cun número de capturas habitual (ver gráfica) que indica que a tempada de cría continúa segundo o esperado, sen sorpresas. 


Hai dúas especies que destacan pola súa abundancia, o merlo (Turdus merula) e o Ferreiro abelleiro (Parus major), debido á presencia de numerosos xuvenís, indicativo de que criaron ben. Pola contra, cabe destacar a falta de xuvenís de paporrubio (Erithacus rubecula) e a ausencia dos pardales (Passer domesticus).


Xa chegaron dende África, para criar, as felosas amarelas (Hippolais polyglotta).


Destaca a captura dun macho de peto real (Dendrocopos major), un Gaio (Garrulus glandarius) e unha escribenta común (Emberiza cirlus).

Texto: Antonio Fernández Cordeiro.
Fotografías: Óscar Santomé.

2 de mayo de 2013

Resultados da EEC de Darbo-Cangas. Abril 2013



Este mes houbo que retrasar a EEC unha semana sobre a data prevista de mostraxe por mor da meteoroloxía adversa. Capturamos un total de 16 aves de 7 especies (Media de 25 aves e 10 especies nos oito anos previos). 


Neste mes, o número de capturas deixa de ser habitual e por primeira vez (ver gráfica) se separa claramente do esperado, chegando a faltar unha terceira parte dos individuos. Quizá as abundantes chuvias deste inverno retrasaron algo a cría e a meirande parte das especies comezaron a criar ao mesmo tempo e estean agora en plena incubación; faltan as azulentas (Prunella modularis), os paporrubios (Erithacus rubecula) e un bo número de merlos (Turdus merula), que sumarían ese terzo de individuos que botamos en falta. 


As papuxas (Sylvia atricapilla) son a especie dominante nos campos de cultivo semi-abandonados e supoñen o 37,5 % das aves. Destaca a captura dun fermoso macho de estreliña riscada (Regulus ignicapillus). Supoñemos que, salvo imprevistos meteorolóxicos malos, o vindeiro mes comezarán a aparecer os polos voandeiros das nosas especies habituais.

Texto: Antonio Fernández Cordeiro.
Fotografía: Alberto Pastoriza Barreiro.

21 de marzo de 2013

Resultados da EEC de Darbo-Cangas. Marzo 2013


Este mes realizouse a EEC na data prevista de mostraxe (a mediados de mes). Capturamos un total de 28 aves de 13 especies (Media de 31 aves e 12 especies nos oito anos previos). 


Os valores de capturas son os habituais ao inicio da época de cría, tanto no número de especies presentes como no número de capturas de cada unha delas. Comezan os cambios con respecto á estrutura da poboación que tiñamos na invernada. Están a marchar os picafollas (Phylloscopus collybita), aumenta o número de papuxas (Sylvia atricapilla) e os merlos (Turdus merula) están moi activos, xa que están en pleno celo (as dúas últimas especies supoñen o 46,4 % das aves marcadas).

Pimpín (Fringilla coelebs)

En liñas xerais, case tódalas aves que crían na zona cantan con forza ao romper o día, marcando os territorios. Destaca a captura de cinco especies diferentes de frinxílidos, entre os que sobresae, pola súa fermosura, o xílgaro (Carduelis carduelis), ave moi común noutras zonas pero menos frecuente no Morrazo. Como curiosidade, o pimpín (Fringilla coelebs) portaba unha carracha baixo o ollo dereito. A porcentaxe de aves que portan este tipo de parasitos é moi baixa.

Exemplar de pimpín (Fringilla coelebs) cunha carracha baixo o ollo



Autor do texto: Antonio Fernández Cordeiro.

21 de febrero de 2013

Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo-Cangas. Febreiro 2013.


Xornada de anelamento realizada en Darbo (Cangas, Pontevedra) o día 16.02.13.
Este mes realizouse a EEC na data prevista de mostraxe (a mediados de mes).


Gráfica da variación mensual no número de capturas. Comparación do ano en curso respecto dos valores medios obtidos previamente na EEC de Darbo.

Capturamos un total de 22 aves de 12 especies (Media de 23 aves e 10 especies nos oito anos previos). 

Pica dos prados (Anthus pratensis)
Os valores de capturas tan pobres son normais para este mes, tanto no número de especies presentes como no número de capturas de cada unha delas.

Úbalo (Carduelis spinus).
De momento non hai grandes cambios na estrutura da poboación e os datos son similares aos dos meses previos de invernada. As especies máis abundantes seguen a ser a papuxa (Sylvia atricapilla), o paporrubio (Erithacus rubecula) e o picafollas (Phylloscopus collybita), que supoñen o 45.5 % das aves marcadas.

Muda de sustitución  nun dos picafollas europeo (Phylloscopus collybita).

Destacar a captura de 1 úbalo (Carduelis spinus) e 2 picas dos prados (Anthus pratensis). Chama a atención a ausencia de merlo (Turdus merula; media de 3.3 indiv. esperados neste mes). Como curiosidade un picafollas estaba a rexenerar unha boa parte da cola, pola perda das plumas nun percance previo ao anelamento.

Autor do texto: Antonio Fernández Cordeiro.
Autores das fotografías: Marta Santomé e Óscar Santomé.


29 de enero de 2013

Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo-Cangas, resultados Xaneiro 2013.



Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo-Cangas.
Península do Morrazo 42º 15’ 46” N, 08º 47’ 50” W.
Aves diferentes capturadas durante o día 24.01.13.
9 redes xaponesas (108 m de lonxitude total). Campiña galega-Rías Baixas.
Noveno ano de estudio ininterrompido nesta localidade.  Este mes, ao igual que o pasado, houbo que esperar outros 10 días sobre a data prevista de mostraxe debido ao mal tempo (chuvia e sobre todo vento) que azoutou Galicia de novo en xaneiro, como xa acontecera en decembro.
Capturamos un total de 29 aves de 14 especies.

Zona de anelamento en Darbo, Cangas.

Especie                      Capturas Xaneiro        Media 2005-12 
 T. troglodytes                           1                              1.3 
 P. modularis                             2                              3.3 
 E. rubecula                              4                               3.0 
 T. philomelos                           2                              1.6 
 T. merula                                 1                              3.7 
 S. melanocephala                    1                               1.4 
 S. atricapilla                            5                               2.4
 P. collybita                              3                               1.6 
 A. caudatus                            1                                0.6 
 P. major                                 3                               0.4 
 G. glandarius                           1                               0.1
 S. serinus                                1                               0.2 
 C. chloris                                1                               0.2 
 E. astrild                                 3                               1.2 
 Nº individuos                       29                               23 
 Nº especies                         14                              9.6 

Bico de lacre (Estrilda astrild)

Os valores de capturas son normais para este mes (o de menor capturas de todo o ano, claro reflexo da pouca dispoñibilidade de alimento), cunha media de 23.0 aves nos oito anos previos (moi pouco comparado co valor de máis de 50 aves que se capturan nos meses de verán). Non así o alto número de especies que apareceron, respecto da media de 9.6 especies. Un tercio das aves pertencen a só tres especies, a papuxa (S. atricapilla), o paporrubio (E. rubecula) e o picafollas (P. collybita). A captura de varios bicos de lacre (E. astrild), especie introducida, débese ao comportamento de formar bandos durante o inverno, que se alimentan nos campos de cultivo e que se xuntan para durmir nas zonas mestas de silvas (Rubus sp) . Por fin apareceron as azulentas (P. modularis), pero para que quede patente a escaseza desta ave con respecto a anos atrás, dicir que son os dous primeiros exemplares marcados en tres meses (nov.-xan.), cando a media de capturas para ese período en anos anteriores foi de 11 individuos (seis veces máis).

Autor texto: Antonio Fernández Cordeiro.
Autores das fotografías: Óscar Santomé e Marta Santomé.

28 de diciembre de 2012

Estación de Esforzo Constante de Darbo, resultados no mes de Decembro 2012


Este mes houbo que esperar uns 10 días sobre a data prevista de mostraxe debido ao mal tempo (chuvia e sobre todo vento) que azotou Galicia, impedindo a súa realización na data habitual (mediados de mes).

Exemplar de pica dos prados (Anthus pratensis) momentos antes de ser liberado.
Capturamos un total de 26 aves de 13 especies. Os valores son normais para este mes, cunha media de 26.7 aves e 11 especies nos oito anos previos.

Especie                capturas                Media 2005-2012
A. pratensis                1                                0.1
T. troglodytes             1                                1.6
E. rubecula                 3                                4.4
T. philomelos              3                                1.3
T. merula                    2                                3.1
S. atricapilla                1                               1.6
P. collybita                  3                               1.1
A. caudatus                2                                3.3
P. ater                         1                               0.3
P. caeruleus                 4                               0.6
P. major                      2                               0.6
F. coelebs                   2                               0.4
C. chloris                    1                               0.6

Nº individuos            26                             26.7
Nº especies              13                              11 

Exemplar de ferreiriño azul (Parus caeruleus) durante o proceso de toma de datos.
Ao igual co mes pasado, aumentou o número de ferreiriños (9 individuos de Parus spp-Aegithalos fronte aos 4.8 de media esperados), favorecido pola progresiva aparición de salgueiros nos campos abandonados. Quizá isto tamén favoreza a maior presenza de zorzal (T. philomelos), picafollas (P. collybita) e pimpín (F. coelebs). Pola contra, constátase a ausencia de especies con preferenza polos campos máis abertos como a azulenta (P. modularis) e a carriza dos xuncos (C. juncidis), cunha media de 2.7 e 1.0 aves neste mes en anos previos. Nos últimos anos apréciase unha tónica xeral nestas especies cara a facerse cada vez máis raras.

Autor texto: Antonio Fernández Cordeiro.
Autor fotografías: Marta Santomé.

9 de diciembre de 2012

Resultados da EEC de Darbo-Cangas, no mes de Novembro


Comezamos unha nova serie de entradas nas que iremos contando os resultados da Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo-Cangas. Na nosa EEC rexistramos as capturas de aves diferentes realizadas durante un día completo (dende o amencer ata a posta do sol), mediante a utilización de 9 redes xaponesas (108 m de lonxitude en total). 

A nosa área de estudio atópase nunha zona típica de campiña galega (zona de cultivos parcialmente abandonados, con bosquetes de salgueiros que colonizan as fincas que non se traballan), próxima á costa, no entorno das Rías Baixas.

Área da Estación de Esforzo Constante (EEC) de Darbo.
A EEC de Darbo-Cangas sitúase no SW de Galicia, na Península do Morrazo (provincia de Pontevedra), nas coordenadas 42º 15’ 46” N, 08º 47’ 50” W, nunha zona situada a tan só 60 m de altitude e 1,1 Km do mar, o que conleva unha certa “dulcificación” climática.

As campiñas costeiras do norte de España teñen un gran interese ornitolóxico, pois durante a primavera albergan unha elevada diversidade de aves reprodutoras, consecuencia probable da gran variedade fisionómica e florística. Segundo algún sautores, a ornitocenose invernal da campiña eurosiberiana está constituída, maioritariamente, por especies estritamente invernantes ou non presentes na época reprodutora; é un dos medios máis importantes para a recepción de invernantes, menos restritivo que a meirande parte dos cultivos máis mediterráneos presentes no norte peninsular, incapaces de acoller outras especies que unhas poucas granívoras xeneralistas.

Exemplar de P. major intres antes de ser liberado.
O pasado mes de novembro comezamos o noveno ano de estudio ininterrompido nesta localidade. O día 21.11.12 capturamos un total de 39 aves de 11 especies:
  1. T. troglodytes 1 
  2. E. rubecula 9 
  3. T. merula 3 
  4. S. melanocephala 1 
  5. S. atricapilla 2 
  6. P. collybita 6 
  7. A. caudatus 8 
  8. P. ater 2 
  9. P. caeruleus 2 
  10. P. major 3 
  11. F. coelebs 2 

Exemplar de P. collybita capturado na EEC de Darbo.
Os valores son habituais para este mes, cunha media de 42 aves e 12 especies nos oito anos previos. Destaca a ausencia de capturas de azulenta (P. modularis) e bico de lacre (E. astrild), que presentaban unha media de 4.6 e 3.9 aves capturadas neste mes en anos previos. Tamén se pode mencionar o baixo número de papuxas (S. atricapilla; media esperada de 5.1 aves). Pola contra aumentou o número de ferreiriños capturados (15 individuos de Parus spp-Aegithalos fronte aos 4 de media esperados).

Autor: Antonio Fernández Cordeiro.