Cullereiros, Platalea leucorodia no Complexo Intermareal Umia O Grove
Emilio Martínez Sabarís
No ano 1982 declarábase o Complexo Intermareal Umia O Grove como refuxio de fauna, con isto desaparecería a presión cinexética á que estaba sometido. Co paso dos anos aumentaría a diversidade e a cantidade de aves acuáticas que ocuparían este enclave ó longo de todo o ano, sendo o inverno a época mais importante por recoller varios milleiros de aves acuáticas.
Xa son mais de 300 as especies de aves citadas no lugar, sen dúbida a que máis valor lle está a dar ó espazo na actualidade é o Cullereiro Platalea leucorodia .
A principio dos anos 80 aparecen os primeiros Cullereiros, sendo entre 1983 e o ano 1985 1-2 aves, 4 aves no 1987, 9 aves no 1988 e aumentando ata perto das 250 no 2009.
A diferencia doutros lugares, neste espazo, quedan durante a invernada actualmente ó redor das 150 aves, considerándose un dos millores lugares de Europa para a invernada da especie, xa que a gran maioría da poboación europea pasa os invernos en terras africanas.
Co anelamento e utilización de marcas especiais, neste caso de aneis con cores , sen ter que capturar as aves para leer o remite dos aneis metálicos, podemos cun catalexos ou prismáticos ver as combinacións de aneis de cada individuo e con iso saber a súa procedencia, estancia no lugar, idade, etc., Ademais, unha vez remitidos os datos, neste caso por tratarse de marcas especiais á EBD (Estación Biológica de Doñana) disporemos dun historial de cada ave. Cos datos de anelamento e avistamentos noutros lugares ó longo da súa vida, o analise destes datos poderanos permitir saber cales son as rutas migratorias que seguen, canto tardan en ir dun lugar a outro, canto tempo necesitan para criar, invernar etc. Todo isto amosaranos cales son os lugares que hai que protexer para que a especie manteña unhas poboacións saudables.
Dende principios dos anos 90 veño facendo un seguimento das espátulas que visitan o CIUG, ainda que non de forma intensiva. A finais do verán e principios do outono coincidindo cos maiores números de aves e primeiras chegadas de aves marcadas adoito adicarlle máis tempo a esta especie.
As primeiras chegadas de aves marcadas ó CIUG, sen dúbida representan para min os millores momentos de observacións, xa que se pode comprobar a gran fidelidade que teñen moitas destas aves a este espazo. Na foto inferior podemos ver un culleiro marcado con aneis de cores B;0/NR,RO;0. Esta ave foi marcada en Holanda o día 5-6-1987, vista no CIUG por primeira vez no inverno 1992-1993 e dende entón visitounos tódolos invernos, este ano xa está con nós.

No lado dereito podemos ver ao cullereiro marcado con: metal,NG(KS);0 / B(KS) anelada en Vlieland (Holanda) o 20-6-1996, tamén é outra fiel coñecida que xa está por estas terras.

O día 25-9-10, censei 217 Cullereiros dentro do CIUG dos cales 36 portaban aneis de cores, somentes conseguín leer 29 completamente, sen dúbida o remite dos datos redundará nun millor coñecemento da especie e os espazos que ocupa.
Nota: Para entender a nomenclatura das marcas de cores mencionadas nesta entrada é imprescindible ler o Capítulo 4 do Manual del Anillador (Manual para el anillamiento científico de aves).
Nota: Para entender a nomenclatura das marcas de cores mencionadas nesta entrada é imprescindible ler o Capítulo 4 do Manual del Anillador (Manual para el anillamiento científico de aves).
No hay comentarios:
Publicar un comentario